Preto de 4.000 persoas participaron na II Ruta “Outono de Tapas” organizada en Melide por Asetem- Cca’, ‘O restaurante Novo Continente gañou o premio á mellor tapa con “Esencia de outono en nórdico de castaña”. Casa Quinzán foi a máis valorada na categoría de tapa innovadora polo seu “Kitsch de setas e xamón”’
A presidenta da Asociación de Empresarios Terra de Melide – Centro Comercial Aberto (Asetem-Cca), Sonia Valiño, deu a coñecer o nome dos establecementos gañadores da II Ruta “Outono de tapas”, que se celebrou durante as dúas primeiras fins de semana de novembro en Melide. O premio para a mellor tapa foi para “Esencia de outono en nórdico de castaña”, do Restaurante Novo Continente. Na categoría de tapa innovadora resultou gañador o “Kitsch de setas e xamón” de Casa Quinzán.
Case 4.000 persoas outorgaron o seu voto ás tapas participantes, o que dá idea do número de clientes que se achegaron ata os locais melidenses. Os hostaleiros constatan que a afluencia de xente foi boa e destacan que a actividade serviu para que acudisen aos seus locais persoas que non son clientes habituais. En palabras de Sonia Valiño, presidenta de Asetem-cca, “iso é algo moi positivo, porque se está dando a coñecer a oferta de Melide a persoas que ata agora a descoñecían”. Outro dos aspectos positivos que destacou Valiño foi que se reparte moito máis a clientela. “A xente leva a guía de todas as tapas en concurso e busca os bares. Os establecementos que non están tan céntricos notan moito máis o incremento da afluencia”.
Valiño tamén destacou o feito de que a ruta das tapas se estea a consolidar entre a hostalería de Melide. Na presente edición participaron 19 establecementos, 8 máis ca o ano anterior. Asemade, a presidenta de Asetem animou aos hostaleiros a que continúen implicándose en iniciativas que “benefician ao sector e a todo Melide e que son importantes para manter vivo o pobo nestes momentos de crise”.
Gañador dunha estancia no Balneario de Pambre
Ao tempo que se coñeceron os nomes dos establecementos vencedores, tamén se efectuou o sorteo do premio destinado ao público que participou na ruta e emitiu o seu voto: unha fin de semana no Hotel Balneario Río Pambre, en Palas de Rei. O gañador, elixido polo sistema de man inocente entre os case 4.000 cartóns de votación, resultou ser José Ramón Montero, de Melide. Depositara o seu voto no bar O Cantón.
As tapas premiadas
Esencia de outono en nórdico de castaña
A mellor tapa, do Restaurante Novo Continente, consiste nunha brocheta de setas, xamón, gambas e tomate cherry á prancha, sobre a que se bota un bechamel feito a base de fariña, leite, pementa e noz moscada. Todo isto mesturado con crema de castaña.
Kitsch de setas e xamón
A tapa innovadora, de Casa Quinzán, está elaborada sobre unha base de masa quebrada que se mete ao forno unha vez rechea de setas de monte, xamón, perexil, tomate e alfábrega. Pódese servir fría ou quente.