“R” ameaza con deixar o polígono sen internet de alta velocidade’, ‘O polígono industrial de Melide quedará sen internet de alta velocidade en menos de 15 días. A operadora de telecomunicacións “R” contactou recentemente cos empresarios da zona para informalos de que este mes de agosto deixará de ofrecer o servizo que viña prestando dende 2010 mediante a torre wimax instalada no polígono. A compañía xustifica a súa decisión en que deixou de recibir as subvencións que ata agora achegaba a Xunta de Galicia para fomentar as telecomunicacións a través deste tipo de antenas.’, ‘A noticia foi recibida como un xerro de auga fría entre os empresarios da Madanela, para moitos dos cales esta medida pode poñer en xaque a viabilidade dos seus negocios. Rexeitan, por outra banda, a alternativa que lles propón “R”, que suporía pasar a un servizo de internet a través da liña telefónica de 1 mega de velocidade, fronte aos 6 dos que dispoñen na actualidade. “Estamos retrocedendo tres anos”, sinalan fontes do parque empresarial, “parece que no polígono de Melide non nos queda outra máis ca ir cara atrás; todos estes condicionantes desaniman moito ao empresario que está aquí loitando día a día”. O problema xa foi posto en coñecemento da alcaldesa, Ánxeles Vázquez, coa que Asetem-Cca se reunirá en breve. A patronal melidense solicitaralle que presione á Consellería de Industria para coñecer os termos e a vixencia do contrato que ten asinado con “R” e para saber se a operadora está na obriga de seguir prestando o servizo nas mesmas condicións que ata agora. Dende o ano 2010, cando se instalou a antena wimax e melloraron as comunicacións no polígono, algunhas das empresas da Madanela fixeron inversións de ata 100.000 euros para renovar todo o seu sistema operativo e de xestión, uns sistemas que coa redución da velocidade quedarían completamente colapsados. Ante a posibilidade de ter que paralizar a súa actividade, os empresarios máis afectados xa buscan alternativas vía satélite “a pesar de que ninguna compañía nos garante o servizo ao 100%”, aseguran.