Sonia Valiño: «Asociarse é útil; cantos máis sexamos, máis forza e máis repercusión teremos»‘, ‘Faltan poucos meses para que se cumpran 25 anos dende a súa fundación, pero Asetem-Cca segue a conservar o seu espírito inicial e a intención de aglutinar o empresariado da comarca co obxectivo de potencialo, dinamizalo e facelo cada día máis forte e competitivo. Como presidenta do colectivo, e dende a experiencia que lle outorgan máis de dez anos como membro da xunta directiva, Sonia Valiño apela en entrevista especial para Cerne á necesidade de seguir sumando socios e apostando pola unidade como mellor vía para superar o actual contexto de dificultades económicas.
-Que lle diría a quen dubida da conveniencia e da utilidade de asociarse a Asetem-Cca?
– O que digo en moitas ocasións: que hai que pensar sempre como asociación e non como empresario ou empresaria individual. Cando pagamos cada mes as nosas cotas, non o facemos para obter un beneficio inmediato, senón para contribuír a un proxecto colectivo. Iso é Asetem. Creouse para dinamizar o comercio, para potenciar todo o que temos e para convencer á xente de que merque aquí, para facer a nosa vila máis coñecida, máis dinámica e máis atractiva. Por iso é útil e conveniente asociarse, porque cantos máis sexamos, máis forza faremos, máis iniciativas se programarán e maior repercusión terán. As vantaxes dun proxecto colectivo son colectivas tamén. Se a Melide lle vai ben, iranos ben a todos. Esa é a mentalidade que hai que ter.
-Cales serían esas vantaxes das que fala?
– Pois cada unha das campañas, das actividades e dos eventos que facemos e que serían moi difíciles de realizar se non existise a asociación. Estamos a falar da campaña de Nadal, das rutas de tapas, do Salón da voda, do xornal Cerne, da promoción de bolsas de praia, dos bonos de desconto e moitas outras actividades que tamén impulsamos e nas que colaboramos. Todo iso é vida para o comercio e as empresas de Melide.
-Aínda que insiste no beneficio xeral, supoño que tamén haberá vantaxes a nivel individual…
– Por suposto que as hai. Non podería enumeralas agora todas, pero ser socio/a de Asetem dá acceso por exemplo a asesoramento laboral, fiscal e xurídico gratuíto. Tamén informamos de todas as axudas e subvencións que van saíndo e axudamos a tramitalas se é preciso. Outro dos nosos piares é a formación, e por iso realizamos constantemente cursos, charlas e obradoiros enfocados para diferentes sectores e en función das necesidades que vaian xurdindo. Para os socios son gratuítos ou a un custo máis baixo. Tamén hai descontos no que se refire á publicidade no Cerne, ás cotas de inscrición nas campañas ou ao reparto de bolsas para o comercio. Por outra banda asinamos convenios con empresas, como pode ser o caso das de telefonía, que contemplan vantaxes para os membros de Asetem. Sempre se gana formando parte da asociación.
-Bota de menos unha maior implicación por parte do empresariado?
– Melide ten un sentimento de pobo moi marcado e normalmente hai bastante implicación en todas as iniciativas. En Asetem somos agora mesmo preto de 150 socios. É unha das cifras máis altas dende que se fundou a asociación en 1989 e non podemos queixarnos en absoluto. De todas formas, tendo en conta o elevado número de negocios e de empresas que hai no concello, estamos convencidos de que poderíamos ser outros 150 máis sen problema. Iso sería moi importante e positivo para Asetem, sobre todo nun momento no que as axudas se vinculan tanto ao número de socios. Insistimos moito para que a xente se asocie e dende aquí convidamos a todo o mundo a que o valore porque iso multiplicaría as nosas posibilidades de acción.
-O xornal Cerne atravesa por dificultades económicas?
– De todos é coñecido a situación delicada da prensa en xeral. Foi un dos sectores máis afectados pola crise. Canto máis non lle vai afectar a un xornal de ámbito comarcal e de periodicidade mensual como o Cerne! É certo que o periódico non pasa polo seu mellor momento, pero non está nunha situación crítica nin vai desaparecer. Precisamos alternativas de financiamento ante a falta de compromiso das administracións e por iso buscamos subscritores. Pedímoslle un esforzo engadido aos socios e tamén a todos os lectores que crean, coma nós, que é un medio útil e necesario na comarca.
-Como están as relacións co Concello despois do desencontro pola Feira do Pulpo?
– As relacións son boas, como sempre foron e seguirán sendo. Non hai que interpretar o acontecido coa Feira do Pulpo como un enfrontamento. En Asetem temos a costume de recoñecer as cousas ben feitas e de manifestar o noso desacordo cando algo se fai mal. Neste caso consideramos equivocado o xeito no que se organizou o evento, constatamos o malestar existente entre os nosos socios e así o manifestamos nos termos que xa todo o mundo coñece. Dende Asetem sempre defendemos os intereses das persoas que integran a asociación.
-Como valora o convenio de colaboración que van asinar as dúas partes?
-Foi unha proposta que lle fixo no seu día Asetem ao Concello e alegrámonos de que se vaia materializar. Era unha demanda dos socios e servirá para delimitar as tarefas que fai cada un á hora de organizar eventos. Ata agora non estaban claras e iso repercutía nunha organización menos eficiente. Tamén sería importante que cada actividade que se faga, independentemente de que se organice de forma conxunta ou por separado, pasase pola Mesa Local de Comercio. Sería un xeito de coñecer ambas partes todo o que se fai, xa que todo repercute no comercio.