Dise que nunca chove ao gusto de todos, pero poucas son as voces discordantes á hora de asegurar que a derradeira edición do Mercamelide foi unha das mellores que se ten celebrado ata ao momento no que a vendas se refire e, especialmente, en canto á  afluencia de público.

Iso é o que constata a Asociación de Empresarios Terra de Melide (Asetem-Cca) como parte da organización e tras ter consultado a un bo número dos negocios asociados que estiveron os pasados días 30 de xaneiro e 1 de febreiro no Pazo de Congresos participando na XV edición da feira de saldos. “Eu vexo os corredores cheos de persoas”, apuntaba a vendedora dun stand dedicado á roupa para o fogar, “e moitas veñen de Arzúa, Lalín, Monterroso, Antas e mesmo Lugo e Santiago”. Na mesma liña, dende un expositor de moda téxtil coincidían en que “a afluencia de xente  foi moito maior que outros anos” e destacaban o feito de  que a xornada do sábado, tradicionalmente “máis parada”, rexistrara unha alta asistencia.

O maior volume de visitantes traduciuse, en liñas xerais,  nun incremento das vendas. “Bastante ben”, “non hai ningunha queixa” ou “mellor que o ano pasado” foron os comentarios máis repetidos, segundo a patronal melidense, entre os negocios consultados. Non obstante, algúns participantes consideran que o balance podería ter sido mellor se a feira se celebrase noutra data: “esta non foi boa porque cadrou a finais de mes, foi preto da campaña de reis e coincidiu coas feiras de Monterroso e Friol”.

Á marxe de público e vendas, o Mercamelide ten tamén unha función de escaparate que os negocios valoran moi positivamente: “para nós é unha cita imprescindible, porque é un xeito de darnos a coñecer, de que o cliente sitúe a nosa tenda e de facer publicidade”, din nun stand de electrodomésticos. “De feito, na semana posterior ao Mercamelide véndese moito”.

Dende Asetem danse por cumpridos os obxectivos que persegue o Mercamelide e atribúese parte do éxito desta edición “ao esforzo que se está a facer dende o Concello por completar a oferta comercial cunha parte lúdica”. Tamén, segundo apunta Manuel Vázquez, presidente da patronal, “á agudeza dos comerciantes, que souberon entender o concepto do Mercamelide e foron consolidando ano tras ano  esta feira”.

 

Os Bolechas: debuxos para concienciar sobre a importancia de mercar na vila

Foron a novidade da XV edición do Mercamelide e uns dos protagonistas: Os Bolechas, personaxes de animación creados polo debuxante Pepe Carreiro, visitaron o Pazo de Congresos de man da Secretaría Xeral de Normalización Lingüística para ledicia das ducias que cativos que acudiron a velos.

Bolechas

A súa presenza causou grande expectación e foron en parte os reponsables da alta afluencia de público na xornada do domingo: “veu moita xente preguntar a que hora viñan; os Bolechas e a máquina das filloas son un éxito”, comentaba unha comerciante ao fío da importancia de engadir actividades de ocio á feira de saldos. Pero á marxe diso os Bolechas xogaron tamén un papel importante na concienciación dos máis novos sobre a importancia de mercar na vila. Foi a través dun concurso de debuxo que puxo en marcha o Concello, no que participaron os escolares de educación infantil dos tres colexios da vila e no que se repartiron 8 premios: libros, discos e cursos de inglés-galego.