Xa é tradición que coa chegada do outono comecen a circular pola vila os vales con 6 euros de desconto que a patronal melidense reparte por estas datas dende hai catro anos. Fiel á súa cita, a campaña do Bono Asetem volve de novo, pero faino con importantes novidades. Unha das principais é que os vales non serán distribuídos como ata agora a través do xornal Cerne, senón en colaboración coas ANPAS dos colexios Nº1 e Nº3.

Deste xeito, nos próximos dous meses Asetem repartirá  300 vales-desconto, por un valor total de 1.800 euros, entre os socios das ANPAS de ámbolos dous centros. Non se inclúe o colexio da Martagona porque nel xa se repartiron bonos o ano pasado a modo de experiencia piloto. Pais e nais dos cativos poderán entregar o bono en calquera dos 150 comercios e empresas asociadas a Asetem. O desconto de 6 euros aplicaráselles no momento de mercar, sempre e cando a compra sexa superior a 30 euros. Outro dos cambios introducidos de cara á presente campaña é que os vales-desconto deberán ser utilizados antes do 30 de novembro. En edicións anteriores non tiñan caducidade.

 

Concurso de debuxo

Como novidade máis destacada, os cativos dos dous colexios participarán nun concurso de debuxo que terá como eixo central o comercio de proximidade. Todos os traballos serán expostos durante varias semanas nos escaparates da vila e no mes de febreiro, en coincidencia coa celebración do Mercamelide de inverno, celebrarase un sorteo entre todos os debuxos entregados. Os pais do cativo que resulte afortunado recibirán como premio un vale de 100 para gastar  en calquera tenda asociada a Asetem.