O 20 de maio foi un día de festa no comercio de Melide, que acolleu a gala de clausura da campaña “As compras na túa vila teñen premio” e o sorteo de 4.000 euros en premios entre a clientela dos establecementos locais.

 

Aspecto da Praza do Convento (Melide)

Esta iniciativa, impulsada pola Federación Galega de Comercio en colaboración con Asetem, pechou con notable éxito en vista dos 16.800 boletos repartidos entre os consumidores. Esta cifra correspóndese con outras tantas compras realizadas polos clientes nas tendas de Melide, que recibiron uns ingresos estimados de 300.000 euros durante os 11 días de duración da campaña. É esta unha cantidade “importante”, segundo expresou o presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas, que permite dar por cumprido o obxectivo principal da campaña: “incentivar o consumo no pequeno comercio”.
O presidente de Asetem incidiu na transcendencia que teñen este tipo de campañas no comercio de proximidade xa que “permiten facer visible o noso potencial e convencer aos clientes que aínda teñen dúbidas de que somos un centro comercial aberto completo e competitivo onde poden atopar todo o que precisen”, dixo Manuel Vázquez, quen engadiu que con esta iniciativa “saíu reforzado Melide como marca comercial”.

 

20160520_190906
Nunha liña semellante foi a intervención do presidente da Federación Provincial de Comercio, Miguel Agromayor, durante o acto de clausura. “Estos eventos son los que incentivan realmente a comprar en nuestros comercios”, apuntou ao tempo que se dirixiu aos comerciantes para recordar que “tal y como están los tiempos tenemos que tener mucho ingenio y profesionalidad”.
A quenda de intervencións pechouna Sol Vázquez, directora xeral de Comercio da Xunta de Galicia, que apelou aos consumidores a “seguir apoiando o comercio de proximidade” e falou da necesidade de colaboración por parte das diferentes entidades do sector: “entre todos podemos facer cousas como as desta tarde; unha festa do comercio que beneficia a establecementos e consumidores”.
No acto tamén estiveron presentes representantes de Abanca, patrocinadora da campaña, e do Concello de Melide.
Tralas intervencións procedeuse ao sorteo de premios, que durou aproximadamente unha hora e do que saíron galardoadas 30 persoas: cinco delas con premios de 300 euros e as vinte e cinco restantes con premios de 100 euros. Todas elas recibirán vales para consumir no comercio de Melide.

 

Manuel Vázquez, presidente de Asetem II