Trátase duns campamentos infantís que se levarán a cabo no mes de xullo co obxectivo de dinamizar o pequeno comercio e facilitar a conciliación das familias á hora de mercar

De xeito paralelo, Asetem inicia unha campaña para promover o Centro Comercial Aberto os domingos

Dentro das actividades que a Asociación de Empresarios Terra de Melide organiza co fin de dinamizar o comercio e a vila de Melide, este ano vaise desenvolver por primeira vez a campaña Verán Educa Melide. “Trátase duns obradoiros infantís que se levarán a cabo durante o mes de xullo co obxectivo de concienciar aos nenos da importancia de comprar no comercio de proximidade e, a súa vez, tamén para facilitarlle aos pais a conciliación á hora de realizar as compras e atender aos nenos, xa que mentres mercan, os cativos estarán nos talleres”, explicou a xerente de Asetem, Pilar López.

Funcionamento

Para participar nesta primeira edición da campaña Verán Educa Melide, os pais interesados en anotar aos seus fillos nos talleres, que serán principalmente de informática, deberán completar un pasaporte que poderán obter realizando as súas compras en calquera dos establecementos asociados a Asetem.

Unha vez obtido o pasaporte terán que completalo cos selos de dez establecementos diferentes ao realizar dez compras por un importe mínimo de dez euros cada unha. Finalmente, para poder acceder gratuitamente aos campamentos terán que acudir co pasaporte selado ás oficinas de Asetem onde poderán reservar praza para os seus fillos. A reserva de prazas farase por estrita orde de chegada.

A campaña, que xa está en marcha, levarase a cabo tamén durante o mes de xuño e, unha vez finalizada, comezarán os obradoiros que se desenvolverán entre o 2 e o 31 de xullo todas as tardes de luns a venres en horario de 16.00 a 20.00 horas. As actividades están dirixidas a nenos con idades comprendidas entre os 5 e os 12 anos e realizaranse nunhas instalacións aínda por determinar.

“Debido a que as prazas para participar nos campamentos son limitadas é necesario completar o pasaporte antes do 2 de xullo para poder apuntarse. Así, canto antes completen o pasaporte, antes poderán reservar praza”, engadiu a xerente de Asetem-CCA.

Achegar o comercio

Cos campamentos infantís que se porán en marcha a través da campaña Verán Educa Melide dende Asetem perséguese un dobre obxectivo; por unha parte “favorecer a aprendizaxe e as relacións sociais dos máis pequenos así como o aproveitamento e goce da tempada de vacacións escolares, e por outra parte ofrecer ás familias a posibilidade de contar cun servizo que lles permita continuar cos seus labores habituais ao mesmo tempo que a xente da comarca coñece e promove o noso comercio”.

CCA – Asetem Aberto os domingos

Por outra banda, e de xeito paralelo, dende o CCA – Asetem iniciouse estes días unha campaña de promoción do comercio melidense a nivel autonómico. O motivo non é outro que o de dar a coñecer unha das particularidades máis vantaxosas coa que contan os establecementos de Melide, e que non é outra que a de abrir os comercios ata as 14.00 horas tamén os domingos. “En Melide hai de todo para todos, temos gastronomía, temos ocio e lecer, temos multitude de comercios, temos patrimonio e cultura, e todo iso podémolo disfrutar os domingos; por iso lanzamos esta campaña, para que a xente de fóra da comarca se achegue a coñecernos e poida aproveitar as múltiples posibilidades que ofrece o Centro Comercial Aberto Asetem tamén os domingos”, explicou a xerente.

Cabe destacar que a imaxe desta campaña, consistente no reparto de centos de carteis, está a ser a cantante e actriz galega Eva Iglesias, con quen a Asociación de Empresarios Terra de Melide chegou a un acordo o pasado mes de marzo. En ambas campañas colabora o Concello de Melide e a Xunta de Galicia a través da Rede de Dinamización Comercial.