A vixésima edición da campaña de Nadal do CCA-Asetem de Melide arranca mañá día 1 de decembro con preto de 90 establecementos asociados participantes e 6.200 euros en premios
O comercio asociado de Melide arranca mañá día 1 de decembro a vixésima edición da campaña de Nadal e que este ano rematará coa data do sorteo o vindeiro 11 de xaneiro. Ese día celebrarase a partir das oito e media da tarde, na Casa da Cultura de Melide, unha gala conducida polo actor, presentador e guionista galego Manuel Manquiña, quen ademais de presentar o evento actuará co seu grupo, Los Fabulosos Weekend.
Nesta edición, e por segundo ano consecutivo, volven a repartirse 6.200 euros en premios distribuídos en un de 2.000 euros, dous de 1.000, catro de 500 e un adicional de 200 euros entre os asistentes ese día á gala e que demostren dalgún xeito ter rifas de haber mercado no comercio asociado ao Centro Comercial Aberto Asetem. O sorteo celebrarase ás 21.00 horas ante notario. “Cómpre destacar que os premios non son en metálico, senón en vales de compra para volver a investir entre o comercio local”, destacou a xerente de Asetem, Pilar López.
Preto de 90 establecementos participantes
Mantendo a liña de anos anteriores, este ano participan preto de 90 establecementos asociados. “Chegamos a un punto no que é difícil continuar aumentando o número de participantes porque practicamente participan todas as empresas que temos asociadas, así que dificilmente podemos subir dese límite. Dende Asetem dámonos por satisfeitos con seguir mantendo esa cifra porque iso demostra que non diminúe o interese na campaña de Nadal”. Na edición pasada participaron un total de 89 comercios de todo tipo de sectores. “É unha campaña aberta aos socios de todos os ámbitos, iso permítenos que teña mairo difusión e mellores resultados”, engadiu a xerente
70.000 rifas
Pola súa parte, o funcionamento da campaña rexerase polo mesmo sistema de sempre. Así, cada establecemento repartirá as rifas de forma gratuíta entre os seus clientes con cada compra realizada. Este ano o número de rifas a distribuír será de 70.000; unha cantidade que adoita repartirse na súa totalidade. Na última edición o número de rifas foi lixeiramente inferior, repartíndose un total de 65.000 papeletas.
Unha vez realizado o sorteo, os afortunados terán ata o 31 de xaneiro ás 13.00 horas para recoller o premio nas oficinas de Asetem. “De non aparecer ese día a esa hora, o premio pasará ao número de reserva e, en caso de que este tampouco aparecese, quedará deserto”, indicou Pilar López.
A campaña de Nadal está organizada polo Centro Comercial Aberto Asetem en colaboración co Concello de Melide e a Xunta de Galicia.