Paralelamente á campaña da “Volta ao cole” organízase a do Bono Asetem, que este ano repartirá case 1.000 euros en vales de compra. Como novidade ademais, esta edición conta con dúas modalidades: unha para familias numerosas e outra para todas as demais familias.

Familias numerosas
Entregarase un vale de 10 euros para familias numerosas por compras iguais ou superiores a 60 euros en calquera dos establecementos asociados, aínda que iso si, só por compras en artigos relacionados exclusivamente coa volta ao cole. É dicir, roupa, calzado, material escolar e deportivo, ou libros por exemplo. Unha vez que se realice o gasto (que pode ser un único tícket de 60 euros ou varios que sumen dito importe), os interesados poderán recoller o bono desconto de 10 euros en Asetem presentando o tícket de compra e o carné correspondente de familia numerosa.

Familias non numerosas
Entregarase un vale de 6 euros para todas aquelas familias que fagan as súas compras en calquera dos establecementos asociados, por compras iguais ou superiores a 60 euros e tamén única e exclusivamente en artigos relacionados coa volta ao cole. Unha vez feito o gasto deberán recoller o bono desconto de 6 euros en Asetem presentando o tícket de compra e o DNI.
En calquera das dúas modalidades só será entregado un vale desconto por familia. Ademais, os vales deberán corresponder ao mes de setembro de 2019, e poderanse recoller nas oficinas de Asetem-CCA ata o día 4 de outubro. Unha vez recollidos, as familias terán de prazo ata o 31 de outubro para investilos en calquera comercio asociado.