É á campaña da asociación por excelencia e xa está aquí un ano máis. Falamos da vixésimo primeira edición de “Este Nadal toca en Melide” que, como todas as iniciativas do colectivo, persegue estimular as compras na vila e premiar a fidelidade do cliente.

Para participar nela os establecementos asociados a Asetem – CCA terán de prazo para inscribirse ata o 25 de novembro ás 13:00 horas, ben de xeito presencial nas oficinas da asociación (R/Lino Sexto Sánchez 1, baixo), ou ben a través dunha chamada ao número de teléfono 981 506 188. O material necesario para a campaña (bases, rifas e cartelería) recollerase na sede de Asetem a partir dese mesmo día, 25 de novembro, en horario de 9:00 a 13:30 horas, e antes do día 1 de decembro.

Por outra banda, e tal e como se realiza dende hai anos, os comercios ou empresas que estean interesados en anunciarse na radio local terán que comunicalo na emisora municipal antes do día 18 de novembro. Poderán elixir entre emitir a cuña publicitaria do ano pasado ou realizar unha nova. En tal caso, deberán achegar a súa proposta a Radio Melide no menor espazo de tempo posible. De non facelo antes do día 18 de novembro, os avisos posteriores non se emitirán ata pasado o 15 de decembro.

Dinámica da campaña
A campaña dará comezo o día 1 de decembro e rematará o 10 de xaneiro de 2020, día no que se celebrará o sorteo ante notario na Casa da Cultura de Melide, ás 21:00 horas, dentro dunha gala musical que dará comezo ás 20:30 horas.

Pilar López, xerente de Asetem – CCA, destacou que se trata da “campaña máis asentada que desenvolve a asociación”, por iso lembrou a necesidade de que todos e cada un dos comerciantes se impliquen á hora de entregar as rifas aos seus clientes; “diso dependerá o éxito desta nova edición”, dixo.

Como vén sendo habitual, sortearanse sete premios en metálico, distribuídos do seguinte xeito: un premio de 2.000 €, dous premios de 1.000 €, catro premios de 500 € e un premio de 200 € (este último sortearase entre os asistentes á gala, que recibirán un boleto ao entrar no acto presentando as rifas obtidas por haber comprado nalgún dos establecementos participantes).

Este ano como novidade dende Asetem – CCA realizarase ademais un vídeo promocional da Campaña de Nadal no que se tentará buscar a participación e implicación de todos os socios. “Trátase de crear unha imaxe comercial de unidade e ao mesmo tempo de variedade, que saiba a xente que visita Melide que este é o mellor lugar para facer as súas compras, e pensamos que facelo a través dun vídeo sería algo orixinal”, apuntou Pilar López.

Cumpre sinalar que na campaña participan todos os membros da asociación, pertenzan ao sector do comercio, empresas ou hostalería, coa finalidade de chegar ao maior número posible de consumidores.