Non hai Nadal sen campaña de Asetem, e por iso o comercio asociado de Melide desenvolve dende o domingo 1 de decembro e ata o venres 10 de xaneiro a vixésimo primeira edición da súa tradicional campaña de Nadal.
“Por cada compra realizada nos establecementos asociados, sexan comercio ou empresa, os clientes recibirán un ano máis as rifas para poder participar no sorteo final”, explica Pilar López, xerente de Asetem – Centro Comercial Aberto.
Será o 10 de xaneiro cando se celebre o sorteo final nunha gala na Casa da Cultura de Melide a partir das 20.30 horas. O evento estará presentado nesta ocasión pola cantante e imaxe de Asetem – CCA, Eva Iglesias, que tamén deleitará a todos os presentes con varias actuacións.
Así mesmo, no transcurso da gala celebrarase un recital de poesía a cargo de Ana Vila Portomeñe, coñecida como “a poeta labrega”, e María Luisa Pereiro, escritora, modista e socia de Asetem.
De novo, 6.200 euros en premios
Nesta edición, e por terceiro ano consecutivo, volven a repartirse 6.200 euros en premios distribuídos en un de 2.000 euros, dous de 1.000, catro de 500 e un adicional de 200 euros entre os asistentes á gala do venres día 10. Para participar no premio directo sorteado entre o público, os asistentes terán que amosar as rifas de haber mercado nalgún establecemento do Centro Comercial Aberto Asetem.
O sorteo celebrarase como de costume ante notario e os premios serán entregados en vales de compra para volver a investir nas tendas e empresas locais.
“A verdade é que o Nadal en Melide sempre resulta, sempre hai un bo nivel de vendas e de feito os comerciantes en xeral fan a súa mellor campaña nesta época”, recalca a xerente dos empresarios, que tamén destaca que o obxectivo final que se persegue é sempre “a dinamización da economía local”.
A novidade deste ano chega da man dun vídeo elaborado para as redes sociais co que se pretende “difundir e promover dun xeito máis actual e dinámico o sector comercial e empresarial da localidade”; un vídeo que se suma aos tradicionais anuncios gratuítos emitidos en Radio Melide grazas ao convenio que a asociación de empresarios mantén coa emisora local.
80 establecementos e 70.000 rifas
Mantendo a liña de anos anteriores este ano participan arredor de 80 establecementos asociados pertencentes a todo tipo de sectores e, igual que na campaña anterior, tamén se repartirán 70.000 rifas; unha cantidade que adoita entregarse na súa totalidade.
Unha vez realizado o sorteo, os afortunados terán ata o 31 de xaneiro ás 13.00 horas para recoller o premio nas oficinas de Asetem. “De non aparecer ese día a esa hora, o premio pasará ao número de reserva e, en caso de que este tampouco aparecese, quedará deserto”, indicou Pilar López.
A campaña de Nadal está organizada polo Centro Comercial Aberto Asetem en colaboración co Concello de Melide e a Xunta de Galicia a través da Dirección Xeral de Comercio.