O Concello de Melide, a través das Concellarías de Igualdade e Educación, poñerá en marcha o vindeiro curso, nas tres escolas melindeses (o CEIP Nº1, CEIP Martagona e CEIP Mestre Pastor Barral) o servizo de madrugadores destinado a facilitarlle aos pais e nais a difícil tarefa da conciliación.
Este novo servizo estará dispoñible dende as 7:30 da mañá ata o comezo das clases no centro educativo. Este servizo poderá incluir ou non almozo, variando así o seu prezo indo de 40 euros mensuais (con almorzo todos os días) ata 30 euros (todo o mes sen almorzo). O servizo de días soltos é de 4 euros con almorzo e 3 sen el.
As familias que desexen acollerse ao servizo de madrugadores, deben achegar a documentación (DNI ou NIE, libro de familia, tarxeta sanitaria e, en caso de padecer intolerancias, alerxias ou algunha outra enfermidade, o certificado médico) e os seus datos ao rexistro do Concello de Melide na primeira quincena do mes de xullo.
As concelleiras quixeron transmitir o agradecemento ás direccións dos centros educativos pola súa colaboración e axuda para poder implantar o programa nos propios centros, tendo confirmación por escrito da cesión de aulas de dous dos tres equipos directivos dos colexios públicos da vila.
O equipo de goberno fai unha valoración moi positiva da futura implantación do servizo de madrugadores , onde se da resposta a unha das demandas máis solicitadas polas nais e pais, cumprindo un obxectivo prioritario do goberno que é facilitar a conciliación da vida laboral e familiar.