O Equipo Milladoiro da Comandancia da Garda Civil da Coruña, especializado en asesoramento, prevención e resposta en materia de ciberdelincuencia, esclareceu un delitode estafa, procedendo á identificación e investigación dunha persoa na localidade de Alxeciras (Cádiz).
A investigación, denominada Caneko, iniciouse en abril do pasado ano tras as denuncias interpostas nos cuarteis da Garda Civil de Arzúa e Melide. Un empresario denunciou sufrir unha estafa ao realizar o pago dunha factura por valor de 4.200 euros a unha empresa de Melide, mediante o método coñecido como BEC (Business Email Compromise) ou compromiso de email corporativo. Este tipo de estafas sofisticadas diríxense a medianas e pequenas empresas mediante unha combinación de técnicas como phishing, vishing e enxeñería social. Os delincuentes envían correos electrónicos desde direccións que imitan ser de empresas provedoras, enganando aos seus clientes para que realicen transferencias bancarias ás contas de estafadores.
O prexudicado, ao poñerse en contacto coa empresa para informar que ía realizar o pago dunha segunda factura, descubriu que o número de conta non pertencía a dita empresa. Ao revisar as transferencias, deuse conta de que o número de conta non coincidía co comunicado pola empresa, percatándose así de que fora estafado. A empresa de Melide presentou a correspondente denuncia por acceso non autorizado ao seu correo electrónico, dende onde se enviaron correos modificados para o pago da factura.