A viséxima séptima edición da campaña “Este Nadal toca en Melide” comeza hoxe, 1 de decembro, e nela repartiranse diversos premios entre a clientela dos establecementos de proximidade.
Nesta convocatoria participarán diversos comercios locais e de diferentes sectores, e será a iniciativa con maior número de participantes desta tempada, o que afirma a boa acollida que esta iniciativa ten cada ano. Dende a directiva de Asetem fan fincapé na necesidade de que “a poboación aposte por mercar os agasallos e produtos de Nadal nas tendas da vila porque non é preciso comprar nas cidades, grandes superficies ou a través da rede para atopar os mellores regalos a bos prezos”. A maiores, dende a Asociación empresarial destacan que “o feito de comprar no municipio implica que o pobo medre e isto é beneficioso para toda a veciñanza”,
“Este Nadal toca en Melide” sorteará, un ano máis, dous premios de 1.000 euros e 4 de 500 euros na tradicional Gala de Nadal. Como xa é habitual, as tendas participantes obsequiarán á clientela con rifas numeradas coas que entrar no sorteo. E, como novidade desta edición, haberá 10 vales de 50 euros para sortear a través da APP de Asetem, entre todos os tíckets subidos entre o 1 de decembro de 2025 e o 9 de xaneiro de 2026.
O obxectivo principal desta campaña é o fomento das compras nos establecementos comerciais de Melide, premiando a fidelidade da clientela mediante o sorteo de vales de compra. Estes premios serán gastados de novo nos establecementos de proximidade, o que garante a repercusión no eido comercial da localidade.
A Gala de Nadal celebrarase o venres 9 de xaneiro de 2026 no Centro Sociocultural Mingos de Pita. Neste evento contaremos coas actuacións de: Leti da Taberna e Os da Taberna.
Para as compras de Nadal, merca en Melide!





