Manuel Vázquez García, Propietario de Transportes Sierra, será o presidente da Asociación de Empresarios Terra de Melide (Asetem) durante os próximos catro anos. Así o decidiron os socios da patronal melidense ao apoiar maioritariamente a súa candidatura nas eleccións celebradas o pasado 26 de xuño.

Manuel Vázquez foi apoiado polo 69% dos electores e recibiu 82 votos fronte aos 35 da candidatura rival, encabezada por Elena Quintas, que tivo un respaldo do 29%. Rexistráronse ademais dous votos en branco. A xornada electoral, que se desenvolveu con normalidade, destacou pola elevada participación, lixeiramente superior ao 83%. Votaron 119 socios dun censo total de 143.

O novo presidente presidente de Asetem asegura asumir o cargo coa intención “de manter unha liña semellante á desenvolvida ata agora, mellorando todo o que se poida e sobre todo dialogando cos socios, sen impoñer nada e sen aceptar tampouco imposicións nin manipulacións externas”. Vázquez, que agradece o apoio recibido, interpreta a contundencia da súa vitoria como “unha mostra clara de que o empresariado de Melide quere unha asociación independente e libre de influencias políticas”.

Con esta vitoria, Manuel Vázquez, que foi ata o de agora tesoureiro de Asetem, convértese no sétimo presidente da patronal. Acompañarano na xunta directiva José Ramón Villamor (de Xoiería Oro Ley), Juan Carlos Casal (de Hijos de Casal Mariño), José Valiño (de Muxica), Rodrigo Fernández (de Seguros Bilbao), Diego Sánchez (de Suministros industriales Cire) e Jorge Pereiro (de Pulpería Ezequiel). O reparto de responsabilidades realizarase a próxima semana, cando a nova xunta directiva se reúna por primeira vez.

 

Perfil profesional

Natural do Concello de Toques, Manuel Vázquez García (coñecido popularmente como “Sierra”) comezou a súa andaina profesional no ano 1978 como empregado da gasolineira de Melide, onde traballou durante 18 anos. Tras un breve período como operario de Grúas Castmart, no ano 1998 decidiu dar o paso de crear a súa propia empresa. Naceu así Transportes Sierra, con sede no polígono industrial da Madanela (Melide) e dedicada ao transporte de automóbiles a nivel nacional e internacional. Na actualidade conta cunha flota de 5 camións que realizan rutas semanais por toda Europa e dá traballo a 7 empregados.

Manuel Vázquez é socio de Asetem dende 2005. No ano 2010 pasou a formar parte da xunta directiva de man da anterior presidenta, Sonia Valiño. Durante os últimos catro anos desempeñou o cargo de tesoureiro da patronal.

 

Despedida de Sonia Valiño

Ademais da xornada de votacións, a sede de Asetem acolleu na noite de onte a Asemblea Xeral Ordinaria, na que se realizou o balance de actividades do ano 2013 e na que tamén se aprobaron as contas do exercicio pasado. A sesión foi especialmente emotiva, pois supuxo a despedida da anterior presidenta, Sonia Valiño, que decidiu non presentarse á reelección para dedicarlle máis tempo á súa vida persoal e “deixar paso a outras persoas que collan con ilusión as rendas da asociación”.

Visiblemente emocionada, Valiño dirixiuse aos socios para agradecer todo o apoio que lle prestaron durante os seus 14 anos como membro da xunta directiva de Asetem, os catro últimos como máxima responsable. No seu discurso apelou á necesidade de que a asociación manteña “o espírito de unión e de independencia”. O público asistente despediu cun caloroso aplauso a  Valiño, a primeira muller, e única ata o momento, en ser presidenta de Asetem.

Votacións web