Alumnado da EFA Piñeiral visitou o 15 de marzo a sede da Asociación de Empresarios Terra de Melide (Asetem) para coñecer en primeira persoa, e a través do traballo diario que se fai dende a patronal, a realidade empresarial da comarca. En concreto na visita participou unha vintena de estudantes matriculados no ciclo superior de Xestión Comercial e Marketing e no ciclo medio de Comercio, ámbolos dous impartidos no centro concertado de formación profesional, radicado en Arzúa.
Na charla interviñeron o presidente e a xerenta da patronal, Manuel Vázquez e Pilar López, que falaron das orixes da asociación e enumeraron todas as campañas que se poñen en marcha dende Asetem e os servizos que se lle ofrecen aos seus membros. Mais, especialmente, incidiron na importancia de contar na comarca cunha asociación empresarial e nos beneficios de asociarse, tanto a nivel individual como colectivo.
Nunha segunda parte da visita o alumnado achegouse ao día a día na xestión dun negocio a través da experiencia persoal de Rodrigo Fernández, profesional do sector dos seguros, socio de Asetem e membro da xunta directiva en calidade de vicepresidente. Durante a intervención Rodrigo Fernández centrouse na parte máis comercial do seu traballo e achegou algunhas das claves para establecer unha relación de éxito co cliente a través da profesionaladidade, o trato e unha correcta imaxe empresarial. Ao remate os estudantes puideron formular preguntas.