O Concello de Melide ten aberto o prazo de solicitudes para inscribirse na convocatoria para a contratación temporal de sete peóns de obra ata o venres. Os postos cubriranse por sistema de concurso oposición. As bases do proceso pódense consultar no taboleiro de anuncios da sede física como electrónica da administración local e na sección de anuncios da páxina web da institución municipal.
A dotación das sete prazas de peón de obra e servizos mínimos, que se contratarán a xornada completa cun salario bruto de 1.108 euros ao mes, enmárcase no programa PEL Reactiva da Deputación para favorecer a integración laboral de colectivos desfavorecidos nos municipios de menos de 20.000 habitantes, como é o caso de Melide. A contratación dos sete peóns de obra poderá estenderse ata o 31 de decembro.