A campaña ‘Pretiño de ti’ do comercio de proximidade, organizada pola Asociación de Empresarios e Empresarias da Terra de Melide, pon o foco nos produtos e a colaboración en positivo entre as diferentes tendas participantes.

O sector comercial uniu forzas nesta iniciativa, en marcha dende o mércores 5 de xullo, para conseguir unha maior repercusión e visibilidade dos seus artigos, cunha mecánica nova que consiste en expoñer nun lugar visible do seu espazo os produtos ou artigos doutros establecementos de proximidade do municipio para chamar a atención da clientela e amosar as diferentes posibilidades que ten o comercio local de Melide.

Con esta campaña os establecementos asociados colaboran uns con outros para conseguir obxectivos positivos que beneficien a ambas partes. Durante estas xornadas de ‘Pretiño de ti’ a clientela pode comprobar todas as posibilidades que teñen pretiño de deles sen necesidade de mercar nas grandes superficies, senón nas tendas e empresas dos seus veciños e veciñas. Nestes días a clientela amosa o seu interese por descubrir a procedencia destes produtos expostos e serve tamén para que os visitantes e turistas poidan descubrir outros comercios nos que poder mercar determinados artigos.

Mercar en Melide sempre é un acerto porque a clientela ten os mellores produtos, a confianza, o bo trato, sostible e de calidade pretiño de ti.